Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto Alimentación saudable. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto Alimentación saudable. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de maio de 2023

Adiviñar que alimento estamos a probar

Inmersos na importancia dunha alimentación saudable, desta vez tocou vendar os ollos e adiviñar que alimento estabamos a probar. E non nos foi de todo mal, ollade e veredes.
adiviñar que alimento estamos a papar!!! de veronica

martes, 2 de maio de 2023

CELEBRAMOS O DÍA MUNDIAL DA SAÚDE

O 7 de abril foi o Día Mundial da Saúde e aproveitamos a ocasión para relacionalo co PDI da biblioteca "Cóidome, cóidote, coidámonos". Imos explicarvos que fixemos:

🍉Probamos diferentes alimentos para recoñecer o seu sabor.

🙈Tapamos os ollos e probamos un alimento.

🍌Intentamos adiviñar de que alimento se trataba.

🍊Levamos ao BeeBot á casilla coa imaxe correspondente.

domingo, 9 de abril de 2023

ESTUDAMOS AS FABAS

Dende a aula de 6.º de Educación Infantil tiñamos pendente amosarvos unha actividade realizada xa fai unhas semanas. Recordades que para conmemorar o Día de Rosalía preparamos caldo?

Pois ben, as nenas e nenos de infantil estudamos un dos seus ingredientes: as fabas. Velaquí todo o que fixemos para aprender cousiñas delas 😍

xoves, 16 de febreiro de 2023

"Un petisco de froita"

Cómo ben sabedes,dentro do proxecto da biblioteca "Cóidome, cóidote, coidámonos" e en relación co Plan Proxecta "Aliméntate ben" no que participamos,en días anteriores visitamos o mercado da nosa vila para comprar produtos saudables para preparar un menú no restaurante "San Luís". E como houbo excedente de produto, coa froita que non consumiron os clientes, preparamos uns petiscos de froita e convidamos aos nosos amiguiños de 4 e 5 anos. Mirade que delicia!!!
Así mesmo, decidimos elaborar un frutómetro para medir a froita que consumimos, e que ese mesmo día inauguramos. E irá subindo de temperatura según pasan os días, xa veredes como si, porque nas nosas merendas a froita non pode faltar!!!!

sábado, 11 de febreiro de 2023

PREPARAMOS UN MENÚ SAUDABLE

O mes de febreiro, comezou fortemente saudable para nós. Dentro do proxecto da biblioteca "Cóidome, cóidote, coidámonos" e en relación co Plan Proxecta "Aliméntate ben" no que participamos, estivemos a preparar un MENÚ SAUDABLE 🍅🍑🍓🍀que foi supervisado por Tania Mesejo.

1.º Fomos á feira, ao mercado de Carballo e a algunhas tendas da localidade para mercar os ingredientes necesarios para a elaboración do menú

2.º Preparamos o menú

🍅Primeiro prato: alumnado de 6.ºEI

🍋Segundo prato: alumnado de 5.ºEI

🍇Sobremesa: alumnado de 4.ºEI

3º Acudimos ao Restaurante Sanluís para xantar

 

luns, 26 de decembro de 2022

VISITAMOS A PANADARÍA PAN IGNACIO

A comezos deste mes de decembro, o alumnado das tres aulas de Educación Infantil realizamos unha saída á Panadaría Pan Ignacio de aquí de Carballo. Que ben o pasamos!! 😍 Amasamos, fixemos pan, pizza... 

Aprendemos como se fai o pan, os ingredientes que se usan, falamos sobre a súa orixe... encantounos a experiencia 😍😃


Moitísimas grazas ao persoal da panadaría por tratarnos tan ben e por ensinarnos con tanto cariño 💖

sábado, 26 de novembro de 2022

A ORIXE DOS ALIMENTOS EN 6.ºEI

Estes días, na aula de 6.º de Educación Infantil estivemos a traballar sobre a orixe dos alimentos. Comezamos escoitando aos nosos compañeiros e compañeiras de 4 anos que nos explicaron que produtos que consumimos con frecuencia proceden do leite 🐄 A partir do aprendido e do libro Hay una vaca en la nevera, traballamos sobre a orixe de diferentes alimentos.

Comezamos por recortar alimentos variados en folletos de supermercado, falamos sobre a súa procedencia (orixe animal e vexetal) e elaboramos un mural 😀

Esta será unha das nosas aportacións ao proxecto da biblioteca titulado "Cóidome, cóidote, coidámonos" 🌱🍅🍇🍊🍐🍓🍖🍗

martes, 15 de novembro de 2022

DE ONDE VÉN O LEITE?

Como sabedes, o mes pasado fomos de visita á Granxa de Eirís situada moi pretiño do noso colexio para comezar a traballar sobre a procedencia dos alimentos. Tiñamos pendente amosarvos un vídeo de como foi a actividade.

Resulta que, o granxeiro Leiro, pediunos axuda para atopar o leite 🍶, pois os seus animais estaban todos alborotados e ningún estaba no seu sitio!! Como somos nenos e nenas moi colaboradores/as, puxémonos mans á obra para dar coas vaquiñas 🐄🐄🐄🐄

luns, 31 de outubro de 2022

BOOO, QUE MEDO!! 6.º EI CELEBRA O MAGOSTO E O SAMAÍN

O venres no noso cole foi día de festexo pois celebramos o Magosto e o Samaín. Queredes saber que fixemos?

🎃As nenas e nenos prepararon CABAZAS TERRORÍFICAS COAS FAMILIAS. Moitas grazas pola vosa participación 💕 había verdadeiras preciosidades!!

🎃Participamos na iniciativa PRESUME DE XARDÍNS do Concello de Carballo.

🎃Preparamos MERENDAS TERRORIFICAMENTE SAUDABLES: unha cabaza de mandarinas e arándanos e tostas Frankestein con pan tostado, aguacate, queixo fresco e aceitunas negras.

🎃Degustamos MERENDAS TERRORÍFICAS, CASTAÑAS e ZUMES aportados pola ANPA. Grazas!!!

🎃Participamos en XOGOS TRADICIONAIS con elementos do outono.

🎃Escoitamos un CONTO co que nos agasallaron as profes María C. e Manuela. Canto nos gustou!! Moitas grazas profes.

sábado, 22 de outubro de 2022

OBSERVAMOS E EXPERIMENTAMOS CON FROITOS DO OUTONO

As nenas e nenos de 6.º de Educación Infantil levamos uns días traballando sobre o outono. Nesta entrada ímosvos amosar algunhas das actividades realizadas.

ARTE CON FROITOS DO OUTONO. Realizamos unha composición con diferentes froitos do outono e, cada un/unha, debía debuxar o que vía dende a súa perspectiva. Coloreamos as nosas obras de arte e colocámolas na entrada do colexio xunto á exposición do proxecto da biblioteca titulado "Cóidome, cóidote, coidámonos".


PROBAMOS FROITOS DO OUTONO: pera, mazá, granada, uvas


DEBULLAMOS MILLO

luns, 20 de xuño de 2022

PREPARAMOS ENSALADA DE LEITUGA

As nenas e nenos de 5.º de Educación Infantil traballamos duramente na horta este trimestre: plantamos, regamos, arrincamos herbas, démoslle cariño aos cultivos... e tanto esforzo tivo a súa recompensa. A semana pasada, recollemos 4 leitugas e, dado que non había unha para cada un/unha de nós, decidimos facer unha ensalada.

Queredes ver como a fixemos? Mirade, mirade 👀 pois tamén tivemos que ir ao supermercado para comprar ingredientes 😀

A ensalada non é o prato favorito dalgúns de nós pero o importante é ir probando novos alimentos!! Pouco a pouco, collerémoslle o gusto 😋

venres, 24 de abril de 2020

RETO VENRES 24 DE ABRIL DE 2020

Bo día peques!! Chegamos ao final da semana e hoxe traémosvos unha proposta diferente.

Na clase de 5 anos estabamos a traballar sobre a alimentación saudable. Xusto cando se suspenderon as clases andabamos buscando receitas dun biscoito de cenoria para facer, pois queriamos coñecer diferentes formas de cociñar esta hortaliza. Pois ben, hoxe traémosvos unha receita de biscoito de cenoria con noces. Velaquí tedes a receita e un vídeo dos pasos para a súa elaboración.



Agora veñen as tarefiñas para os peques, de novo diferentes para os tres cursos:

Tarefas para as nenas e nenos de 3 anos
As familias escribirédeslle o nome dos ingredientes nun folio. Os peques deberán localizar as diferentes vogais que lles vaiades indicando. Tamén poden aproveitar para contar cantos ingredientes diferentes se empregan para elaborar esta receita.

Tarefas para as nenas e nenos de 4 anos
Os peques deben escribir o nome dos ingredientes empregados para a elaboración do biscoito.

Tarefas para as nenas e nenos de 5 anos
Os peques deben escribir o nome dos ingredientes empregados para a elaboración do biscoito. Para aqueles/as que queirades traballar un pouquiño máis, podedes escribir algúns pasos para a súa elaboración.

Agora unha proposta a maiores para todos/as: alguén se anima a facer o biscoito seguindo esta receita?? Se vos animades, aproveitade para contar o número de ovos, pesar os ingredientes... 

Mandádenos fotos ou vídeos dos vosos traballiños 📷📷 e se facedes o biscoito tamén!! Xa nos diredes se vos gustou 😊

E xa que estes días andamos fala que fala de animais... que vos parece se a lectura desta fin de semana é dunha toupiña?? Aí vai un contiño que vos fai rir moito, A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. Premede na imaxe para acceder a el.


Boa fin de semana a tod@s 😘😘

venres, 13 de marzo de 2020

EXPERIMENTANDO COS DIFERENTES SABORES

Onte, antes de saber desta parada de 14 días, na clase de 5 anos estivemos a traballar sobre os diferentes sabores. As profes presentamos varios alimentos: sal, azucre, galletas salgadas e doces e limón. O primeiro paso démolo preguntando en que recipiente había sal e en cal azucre pero os peques tíñano moi claro: o azucre era o que tiña brilli brilli.

Logo de distinguir eses dous, pensamos cales serían doces, salgados, amargos... e como o podiamos saber. Pois resulta que, tal e como vimos en diferentes libros que consultamos, na lingua temos unha especie de "bultiños" que nos permiten recoñecer os diferentes sabores e cada un distinguímolo cunha parte distinta da lingua.

Deixámosvos unha pequena mostra da actividade.

mércores, 4 de marzo de 2020

BUSCA E ANÁLISE DE INFORMACIÓN

Como sabedes, na aula de 5 anos, estamos embarcados nun proxecto de alimentación saudable. Sabedes que é o que queremos saber sobre esta temática? Velaquí as nosas inquedanzas.
  • Como se cociñan as cenorias?
  • Como podemos saber que alimentos nos gustan e cales non?
  • De onde veñen os alimentos?
  • Canta froita e verdura hai que comer cada día?
  • Que é o glute?
  • Que son os celíacos?

Con estas preguntas, preparamos o material para clasificar a información.


Coas profes Mar e María, fomos lendo os libros que collemos na biblioteca e organizamos toda a información que nos servía para dar resposta aos interrogantes.

 
 






Despois de varias sesión buscando e rebuscando información nos libros, atopámonos cun problema!! En ningún deles obtiñamos resposta a "que era o glute" e "que eran os celíacos". E... onde poderiamos buscar? Ocorréusenos internet, así que encedemos o encerado dixital e buscamos en páxinas web e vídeos.


Listo, xa tiñamos toda a información seleccionada e organizada no noso esquema.



Agora realizaremos un dosier sobre o que aprendemos de alimentación saudable e diferentes actividades e experimentos sobre a temática. Estade atentos, pouco a pouco irémosvos contando máis!

sábado, 29 de febreiro de 2020

UNHA INVITACIÓN MOI SABOROSA!!!

Antes de que nos invadiran as datas de Entroido, aos nenos e nenas de 5º de Educación Infantil acontecéronnos moiiitas cousas:

O alumnado de 5 anos está traballando un proxecto de alimentación e un día fomos convidados por el@s a un petisco de froita fresca!!! Moitas grazas á profe María e aos nos@s compañeir@s de 6º de Educación Infantil.






xoves, 20 de febreiro de 2020

OBRADOIRO DE ROSQUILLAS DE LARANXA

Estes días, con motivo da celebración do Entroido, coñecemos diferentes sobremesas típicas desta época. Ademais fixemos rosquillas de laranxa. Deixámosvos a receita, estaban boísimas!!


sábado, 15 de febreiro de 2020

SEMANA SAUDABLE

"Para agasallar amor a montóns, coidade os vosos corazóns".


Esta semana no cole realizamos diferentes actividades saudables co fin de abordar a temática do Día dos Namorados dende unha perspectiva distinta, o coidado do corazón a nivel emocional, do exercicio físico e a alimentación saudable.

 

Deixámosvos unha ligazón ao xornal La Voz de Galicia onde se fai referencia á actividade: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/carballo/2020/02/15/carrera-saludable-xesus-san-luis-romero/0003_202002C15C10995.htm# Tamén saímos no xornal Diario de Bergantiños. Grazas por dar visibilidade ao noso traballo!!

BUSCA DE INFORMACIÓN

Na aula de 5 anos seguimos afondando máis e máis no proxecto da alimentación saudable, así que fomos á biblioteca en busca de libros sobre a temática.














Este material forma agora parte do noso recuncho da alimentación e axudaranos a aprender un montón de cousas sobre hábitos saudables.

Aproveitando a temática e que no recuncho do supermercado contamos con diferentes alimentos, decidimos clasificalos. O que máis nos sorprendeu é que o tomate é unha froita, non unha verdura. E sabedes por que? Porque todo aquilo que ten as sementes no seu interior é unha froita.