Amosando publicacións coa etiqueta Contos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Contos. Amosar todas as publicacións

xoves, 11 de maio de 2023

DÍA INTERNACIONAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR (6.ºEI)

O día 2 de maio celébrase o Día Internacional Contra o Acoso Escolar. As nenas e nenos de 6.º de Educación Infantil preguntámonos: que é acoso? Logo de facer unha chuvia de ideas, chegamos á conclusión de que esa palabra facía referencia a pegar, dicir cousas feas aos demais, apartar do grupo...

Aproveitamos este día para ler o conto Orellas de bolboreta. Conta a historia de Mara, unha nena que sobre burlas continuas das súas compañeiras e compañeiros.

Puxémonos na pel de Mara e identificamos como nos sentiriamos se nos fixesen iso a nós, así como tamén aprendemos que non facer nada nestas situacións tamén é facer dano.

domingo, 9 de abril de 2023

ESTUDAMOS AS FABAS

Dende a aula de 6.º de Educación Infantil tiñamos pendente amosarvos unha actividade realizada xa fai unhas semanas. Recordades que para conmemorar o Día de Rosalía preparamos caldo?

Pois ben, as nenas e nenos de infantil estudamos un dos seus ingredientes: as fabas. Velaquí todo o que fixemos para aprender cousiñas delas 😍

xoves, 30 de marzo de 2023

EXPERIENCIAS MANIPULATIVAS E SENSORIAIS DO PROXECTO "OS TESOUROS DO MEU CORPO"

Remata o 2.º trimestre e con el, na aula de 6.º de Educación Infantil, rematamos o noso proxecto "Os tesouros do meu corpo". Ademais de rexistro de datos e información, levamos a cabo diferentes experiencias manipulativas e sensoriais que nos encantaron 😍

Velaquí vos deixamos un vídeo resumo 👀


Sen dúbida, o éxito absoluto foi a estación de análises de sangue na tuff tray 😀


Tamén nos gustan moito as botellas sensoriais e estamos desexosos e desexosas de levalas para as casas pero imos deixalas no colexio uns días máis para levar ao Salón do Libro de Carballo no mes de abril 😊

domingo, 5 de febreiro de 2023

QUE É ISTO QUE APARECEU NA CLASE?

Non sabemos como comezar a contarvos o que sucedeu fai uns días na aula de 6.º de Educación Infantil. Sorprendente? Arrepiante? Misterioso? Un pouco de todo!!

Recordades que fai uns días preparamos neve con bicarbonato e auga? Pois ben, un día, apareceu agochada nela un óso... De quen era?, de que parte?, quen o deixara alí? Un montón de ideas pasaron polas nosas cabeciñas 😍

Isto dounos para falar, imaxinar, debatir, comezar a investigar... e así é como imos comezar a traballar sobre o corpo humano, relacionándoo co PDI da biblioteca e a temática do Plan Proxecta que desenvolvemos no centro.

venres, 20 de xaneiro de 2023

PROPOSTAS DE INVERNO

Estes días, na aula de 6.º de Educación Infantil, estivemos a realizar algunhas propostas de inverno, coas que traballamos o conteo, a relación número-cantidade, convertémonos en artistas e fixemos neve ☃❄
Velaquí unha pequena mostra dalgunhas das actividades 😍 Sen dúbida o que máis nos gustou foi a neve!! Xa que aquí en Carballo non a podemos ver, conservámola na tuff tray para seguir xogando con ela 😀

domingo, 27 de novembro de 2022

25N EN 6.º EI

O venres día 25 de novembro celebramos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e, ao longo da semana, realizamos diferentes retos propostos dende a biblioteca. Velaquí un pequeno resumo 💜

Nin golpes que doian, nin palabras que firan

sábado, 26 de novembro de 2022

A ORIXE DOS ALIMENTOS EN 6.ºEI

Estes días, na aula de 6.º de Educación Infantil estivemos a traballar sobre a orixe dos alimentos. Comezamos escoitando aos nosos compañeiros e compañeiras de 4 anos que nos explicaron que produtos que consumimos con frecuencia proceden do leite 🐄 A partir do aprendido e do libro Hay una vaca en la nevera, traballamos sobre a orixe de diferentes alimentos.

Comezamos por recortar alimentos variados en folletos de supermercado, falamos sobre a súa procedencia (orixe animal e vexetal) e elaboramos un mural 😀

Esta será unha das nosas aportacións ao proxecto da biblioteca titulado "Cóidome, cóidote, coidámonos" 🌱🍅🍇🍊🍐🍓🍖🍗

xoves, 17 de novembro de 2022

MISIÓN 4: COÑECEMOS A XÚPITER E MERCURIO

Hoxe, as nenas e nenos de 6.º de Educación Infantil, resolvemos a misión 5, onde coñecemos a Xúpiter e Mercurio.

luns, 31 de outubro de 2022

FACEMOS BISCOITO DE CABAZA

As nenas e nenos de 6.º de Educación Infantil, participamos na iniciativa da biblioteca titulada "Menú lector" recomendando un libro. Dado que este mes festexamos o outono e o Samaín, escollemos o titulado "Corre corre, cabaciña"🎃. Lémolo, fixemos unha manualidade dunha cabaza e preparamos un biscoito riquísimo 😍

sábado, 1 de outubro de 2022

NA BUSCA DE INFORMACIÓN

Na aula de 6.º de Educación Infantil fixémonos unha pregunta: Onde podemos atopar información para o noso proxecto sobre o universo?

Por un lado, ocorréusenos escribirlles unha carta ás familias:


Velaquí o resultado final:


Tamén sabemos que, na biblioteca, temos un montón de libros sobre diferentes temas, así que fomos ata alí para buscar algúns que falasen de planetas, o universo, os astronautas, as naves espaciais...

martes, 24 de maio de 2022

SAÍDA Á LIBRARÍA CLARIÓN

O venres 20 de maio, todos os nenos e nenas de Educación Infantil acudimos á Libraría Clarión para realizar unha actividade sobre o noso proxecto titulado "Baixo a mesma carpa de crochet", co que levamos traballando todo o curso sobre o tema da igualdade no circo. Achegámonos alí para facerlles diferentes preguntas ás libreiras. Mirade mirade 👀

Moitísimas grazas Eva e Noelia por facer posible esta actividade 💗 Encantounos coñecer a vosa libraría e ver cantos libros e xogos tedes!! Que marabilla 😍😀

sábado, 4 de decembro de 2021

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Onte, 3 de decembro, celebramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Ao longo destes días, en 5.° de Educación Infantil, estivemos coñecendo a Adiaratou Iglesias Forneiro, unha atleta galega que tivo o seu recoñecemento nos Xogos Paralímpicos. Grazas Adi por ensinarnos tanto coa túa historia de superación 💓

Queredes ver as propostas destes días? Mirade o seguinte vídeo 😍

A continuación deixámosvos algúns dos vídeos que estivemos vendo estes días e que nos axudaron a reflexionar sobre a importancia do esforzo, o respecto, a comprensión, a tolerancia... Viva a diversidade!! 💓💙💚💛💜






Se picades no seguinte enlace, accederedes ao blog da Bibliosanluís onde podedes ver un vídeo sobre o Día da Discapacidade en todo o colexio:

venres, 26 de novembro de 2021

25N: Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Onte, 25 de novembro, celebramos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Queredes ver que fixemos para celebralo? Mirade este vídeo da aula de 5.º de Educación Infantil 👀

Que vos pareceu a instalación? A nós gustounos moito o resultado final 😍 Con ela quixemos representar dúas cousas: por unha banda, cos zocos (que fixeron as nenas e nenos de 1.º de Educación Primaria) que todos e todas camiñamos xuntos cara a igualdade. Por outro lado, coas regadeiras das que colgan pingas con palabras fermosas esperamos que nos empapen de valores para loitar contra as desigualdades 💪💪

Ademais, traballamos o conto El elefante encadenado. Con el aprendemos que todos e todas podemos liberarnos desa estaca á que calquera de nós pode permanecer atado/a. Agardamos que, unidos/as, avancemos no camiño da igualdade. Se queredes escoitar esta historia, premede na portada do libro para ver un contacontos.

luns, 1 de novembro de 2021

SAMAÍN 2021

O venres 29 de outubro, celebramos a festa do Samaín🎃 Xa levabamos días facendo cousiñas relacionadas con esta temática pero este día foi o broche final. Na aula de 5.º de Educación Infantil fixemos cabazas coa mestra de inglés, pantasmas con ChupaChups, disfrazámonos, elaboramos cabazas coas nosas familias e máis cousiñas. Se queredes saber que ben o pasamos nesta celebración, mirade o seguinte vídeo 👀

Ao longo destes días tamén lemos varios contos relacionados coa temática. Se picades sobre as súas portadas, podedes ver e escoitar algúns deles en familia 💓


xoves, 28 de outubro de 2021

CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS

Este 24 de outubro foi o Día das Bibliotecas e na aula de 5.º de Educación Infantil fixemos unha actividade que nos propuxo Fidalgo. Debiamos levar o BeeBot dende a portada dun dos nosos libros favoritos ata unha das súas ilustracións. Como nos gustou esta proposta!! 😍😀

Premede aquí e veredes o noso vídeo no blog da Bibliosanluís:

https://equipobibliosaluis.blogspot.com/2021/10/24-de-outubro-dia-das-bibliotecas.html

Aí tamén podedes ver os traballiños dos nosos compañeiros e compañeiras.

xoves, 29 de abril de 2021

COMO FOI A SEMANA DO LIBRO NA AULA DE 3 ANOS?

Boa tarde a todos e a todas!! Hoxe, as nenas e nenos de 3 aniños, queremos amosarvos como celebramos a Semana do Libro 📚 Fixemos numerosas actividades pero, sen dúbida, ler no patio deitados en mantas e toallas foi o que máis nos gustou 😍😀 Moitas grazas ás familias por aportar o voso gran de area!!


Como sabedes, na aula estamos traballando moito co conto  A eiruguiña comellona e non podiamos desperdiciar esta ocasión. É un conto que nos gusta moito e xa sabemos de memoria algúns anaquiños polo que decidimos facer un contaconto virtual. Agardamos que vos guste 😊


Lembrade que, ao ser unha proposta da biblioteca, podedes visitar o seu blog. Nel están publicados tamén os nosos traballiños destas datas. Velaquí vos deixamos a ligazón:

mércores, 21 de abril de 2021

A EIRUGUIÑA COMELLONA

Fai uns días, cando as nenas e nenos de 3 aniños chegamos á aula pola mañá, atopámonos cunha sorpresa. Un recuncho novo!! Pero non era un recuncho calquera, senón un recuncho moi especial con moitos materiais para traballar co conto A eiruguiña comellona de Eric Carle.

Nel contamos con materiais que nos gustan moito:

  • Contos e libros informativos sobre froitas e árbores.
  • Un peluche da eiruguiña.
  • Materiais de grafomotricidade.
  • Quebracabezas.
  • Un hotel de insectos.
  • Lupas.
Dado que imos traballar sobre isto, na aula temos vermes de seda🐛 Que ilusionados/as nos teñen!! Cada día, o encargado ou encargada, unha vez rematamos a asemblea, responsabilízase de darlles de comer follas de moreira, o seu único alimento. Mirade que ben os coidamos que medran moito!!

A diario aproveitamos para traballar conceptos como grande/pequeno a través do tamaño dos vermes, contamos o número de follas que lles damos de comer, cantos vermes temos e moitas máis cousas.

A verdede é que o conto da eiruguiña estanos a gustar moito moito, incluso xa sabemos algúns anaquiños de memoria!! É por isto que decidimos facer un mural da eiruguiña para coñecer as diferentes partes do seu corpo. Queredes ver que artistas estamos feitos/as? Mirade mirade 👀 ademais veredes que xa coñecemos moitas letras 😀

martes, 26 de xaneiro de 2021

RECIBIMOS UN PREMIO

Hoxe estamos moi ledos pois vimos de ser premiados no concurso "Nós tamén creamos!" na categoría 1 coa curtametraxe titulada "Mariluz avestruz"  👏👏

Velaquí vos deixamos a CURTAMETRAXE:

Aquí tedes o making off para saber COMO O FIXEMOS:

Tamén podedes ver a nosa curtametraxe na páxina da CRTVG:

http://www.crtvg.es/infantil/programas/nos-tamen-creamos-2020


Agora deixámosvos unhas ligazóns onde se fala do premio que recibimos 🎁

  • Resolución do concurso no Portal da Lingua Galega:
https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Premios/convocatoria_0116/resolucion-dos-premios-nos-tamen-creamos-curtas-animacion-galego-2019-2020
  • Resolución do concurso no Portal educativo da Xunta:
https://www.edu.xunta.gal/portal/node/33045
  • Nova no xornal La Voz de Galicia:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/carballo/2021/01/27/dous-colexios-bergantinans-ganan-os-premios-nos-tamen-creamos/0003_202101C27C6991.htm

Moitos parabéns peques!! Todo esforzo ten a súa recompensa 😍😍

sábado, 28 de novembro de 2020

TRABALLAMOS AS CORES E O CÍRCULO

Estes días na aula de 3 aniños estivemos traballando as cores e tamén algunha forma xeométrica como o círculo. Para iso comezamos lendo o conto Un libro de Hervé Tullet que, por certo, gustounos moito!! Logo de ver que cores aparecían nel, decidimos facer un mural coas cores azul, amarela e vermella.

Pinta que pinta descubrimos unha cousa!! Se mesturamos as cores aparecen outras novas 😀😍 Unha vez feito o mural, buscamos pola aula obxectos de diferentes cores: vermello, azul, amarelo, branco, rosa, verde e laranxa.

Velaquí vos deixamos un vídeo para que vexades canto traballamos 😊


E aquí vai outro vídeo sobre este conto para que poidades velo en familia 😊

sábado, 14 de novembro de 2020

O MONSTRO DE CORES

Estes días os/as máis peques do cole estivemos a traballar o conto O monstro de cores que trata sobre un monstro que esta confundido coas súas emocións. Logo de lelo varias veces decidimos facer un pequeno vídeo coas nosas caras de alegría, tristeza, rabia, medo e calma. Queredes velo? 😀

Esta será unha das nosas aportacións ao Proxecto Documental Integrado da biblioteca que este curso leva por título "Conto coa túa emoción" 💓

Agora deixámosvos un vídeo sobre o conto por se vos apetece velo coa vosa familia 😊