venres, 18 de xuño de 2021

REPASAMOS OS NÚMEROS CO OZOBOT

Onte, as nenas e nenos de 3 anos, estivemos repasando os números 1, 2 e 3 coa axuda dun robot. Sabedes como se chama? Ozobot, e camiña por encima de liñas. Primeiro, adiviñamos cal era cada número e, despois, contamos pompóns e depresores de cores e situámolos xunto ao número correspondente.

Mirade que ben o facemos 😍

SAÍMOS DE EXCURSIÓN AO BOSQUE DO AÑÓN

O pasado luns 14 de xuño, o alumnado de Educación Infantil fomos de excursión ao Bosque do Añón 🌱🌲🌳🌾🌺🌻🌼 de Carballo. Pasámolo moi moi ben e tivemos sorte de que fixo un día fantástico 🌞

Queredes ver algunhas fotiños e vídeos deste día tan especial? 👀 Ollade este vídeo que preparamos con tanto agarimo para ter de recordo desta excursión 😍

xoves, 17 de xuño de 2021

A navegar!!!!.

Aproveitando o tempo solleiro ocorréusenos facer uns veleiros para logo botar a navegar no mar do noso patio. Si, escoitastes ben, un mar no noso patio con veleiros!!! Ollade e veredes.

domingo, 13 de xuño de 2021

PARABÉNS KHAOULA!!

O venres 11 de xuño a nosa compañeira Khaoula estivo de aniversario!!! aproveitamos a ocasión para facer unha festa rachada, Khaoula fixo a súa coroa, soprou as candeas da tarta, cantámoslle cancións de aniversario, comemos a nosa merenda festeira e despois bailamos ao ritmo das nosas cancións preferidas.🍰🎈🎉 Velaí vos vai uha pequena proba deste día tan especial .

HAI NOVIDADES NA AULA DE 3 ANOS

Ola a todos e a todas!! Estes días estamos moi ocupados preparando o final de curso por iso non pasamos moito por aquí 🙊. Estamos mans á obra ultimando as portadas dos traballiños, a decoración das bolsas e algunha que outra sorpresiña. Aínda así, sacamos un oquiño para amosarvos algunhas novidades destes días.

Non sei se vos contaramos que, ao final, conseguimos que 4 vermes fixeran a súa crisálida 🐛🐛🐛🐛 Tres deles seguen alí dentro coa súa transformación pero outro xa nos dou unha grata sorpresa fai uns días 😀 Converteuse en bolboreta!! Mirade mirade 😍





Ademais, aproveitamos estes días tan solleiros 🌞 para facer actividades ao aire libre. Descubrimos que dentro do recinto do cole temos unha moreira 🍃🍃


E mentres investigabamos sobre ela, atopamos uns caracois 🐌🐌 e non podiamos volver á aula sen buscarlle un bo lugar para vivir.



Ademais, seguimos visitando e coidando a nosa horta que xa empeza a dar os seus froitos. Xa temos amorodos!! 🍓🍓🍓🍓

1.º Recollémolos


2.º Contamos cantos tiñamos e pensamos 💭 "Hai amorodos para todos/as?"


3.º Repartimos para comprobar se cada un/unha de nós podería levar un para a casa. Descubrimos que podiamos comer un amorodo cada un e, aínda así, sobraban 2.



4.º Como xa se nos botaba encima a hora de marchar, fixemos rapidamente uns paquetiños para que cada un/unha levase un amorodo para a casa. Ao día seguinte descubrimos que varios nenos/as probaran este froito que medrou con todo o noso cariño e que estaba boísimo!! 😍


Seguiremos agardando a ver se, antes das vacacións, podemos recoller algún froitiño máis para comer 😀😊

venres, 11 de xuño de 2021

Recollendo amorodos

Hoxe os nen@s de 4 anos fomos á nosa horta, pero desta vez nada de traballar, a cousa foi ben diferente, apañamos e despois comemos os amorodos que estaban xa no seu punto de maduración. Que bos estaban!!! No seu momento houbo que darlle ao sacho pero hoxe só á nosa lingua para saborear este doce manxar.

Un espantallo para os nosos bulbos.

Acordádesvos dos bulbos que plantamos en cadasua maceta? Pois como o noso espantallo está a facer tan ben a súa labor na horta, quixemos facer un pequeno espantallo para a nosa maceta, por se algún curioso (mosquito, mosca, caracol...) se lle ocurre acercarse ó noso bulbo. Ollade que bonitos nos quedaron. E como se están acercando as vacacións decidimos levar cada un o seu bulbo para seguir cuidándoo na nosa casa.