venres, 27 de marzo de 2020

RETO VENRES 27 DE MARZO DE 2020

Feliz venres!! Hoxe traémosvos dúas propostas que tamén poñemos en marcha na aula e que vos gustan moito, os trasvases. Un deles de líquidos e o outro de sólidos.
Imaxe extraída de internet



TRASVASE DE AUGA

Precisades:
  • Unha bandexa.
  • 2 vasos.
  • Unha esponxa.
  • Un funil.
  • Cinta adhesiva de cor. Sería para facer unha marca no vaso, polo que de non dispoñer dela serve un rotulador ou un anaco de fío ou la para atar.

Pasos para realizar a actividade:
1. Marcade con cinta adhesiva, un rotulador, fío ou la, o nivel ata onde podedes encher de auga a xerra e os vasos.
2. Poñede na bandexa a xerra, os dous vasos, o funil e a esponxa.

2. Enchede a xerra con auga da billa. Despois podedes vertela nos dous vasos tratando de respectar o nivel indicado. Para volver a encher a xerra usaredes o funil. Unha vez que rematedes, volvedes colocar a bandexa. A esponxa serve para secar a bandexa en caso de que se derrame auga nela.

TRASVASE DE ARROZ/LENTELLAS/GARAVANZOS
Imaxe extraída de internet

Precisades:
  • Unha bandexa.
  • 2 cuncas.
  • Un pouco de arroz, lentellas ou garavanzos.
  • Unha culler sopeira.


Pasos para realizar a actividade:
1. Colocade na bandexa a culler e as dúas cuncas. Unha baleira á esquerda e outra chea de arroz/garavanzos/lentellas á dereita.
2. Comezade a transvasar o contido da cunca chea á baleira, botando man da culler.
3. Repetide a operación coa outra man.


Estas son actividades moi importantes para traballar a precisión, favorecendo así o proceso escritor. Podedes traballalo (neste último caso) variando o nivel de dificultade, é dicir, facéndoo primeiro con garavanzos e despois coas lentellas e o arroz.

A xogar!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario