xoves, 4 de xuño de 2020

RETO XOVES 4 DE XUÑO DE 2020

Un día máis aquí estamos cun novo reto 😊 Que tal estades? Agardamos que ben 💓 Cada vez queda menos para rematar este curso tan atípico así que imos aproveitar estes días que nos quedan.

Primeiro imos facer un xogo de adiviñar e despois un pouquiño de relaxación, vale?

ADIVIÑA, ADIVIÑA
Collede unha caixa de cartón que teñades na casa e facédelle dous buratos para poder introducir as mans. Ao outro lado da caixa teredes un recipiente con distintos obxectos e, sen mirar ⛔👀 e tan só polo sentido do tacto, debedes adiviñar de que obxecto se trata. Entendido?

Deixámosvos unha imaxe para que vos fagades unha idea do explicado.

Imaxe extraída de internet


QUE SE NOS ACABAN AS PILAS!
O obxectivo deste xogo é pasar da tensión e a actividade á relaxación e a tranquilidade. As nenas e nenos deben facer movementos co corpo segundo as indicacións que se lles dan.

Os adultos debedes dicirlle aos nenos/as o seguinte 💬: imos xogar a un xogo, imos ser robots que funcionan con pilas. Primeiro teremos as pilas novas e podemos xogar e correr con rapidez. Teredes que correr libremente dun lado ao outro da casa ou dar voltas o máis rápido que poidades.

Despois diráselle: "xa se gastou unha parte das pilas, así que agora só podedes correr máis lento. A ver como diminuides a velocidade".

Continuaredes dando ordes parecidas a esta ata que diminúan máis a velocidade e, despois dun cachiño, diráselle que as pilas están pola metade e que xa non poden correr e que só poden camiñar.


Despois diráselle: "as pilas estanse acabando e cada vez cústanos máis movernos. Cada vez movémonos máis amodo... máis amodo... máis amodo. Cada paso que damos cústanos moito máis, estamos esgotando toda a enerxía das nosas pilas e imos quedar deitados no chan un anaco".
Agora que xa estades ben relaxadiños, podedes levantarvos. Xa rematou o reto de hoxe pero non esquezades axudar á vosa familia coas cousiñas da casa que xa sodes maiores!! E xogade, claro!! 😀😀

Biquiños 😘😘😘

Ningún comentario:

Publicar un comentario