martes, 28 de abril de 2020

RETO MARTES 28 DE ABRIL DE 2020

Bo martes peques!! Que tal estades?? Un día máis na casa é un día menos para vernos, ánimo!! 💓

Hoxe traémosvos unha proposta sobre os animais pois vemos que vos gusta moito 😊😀 O primeiro que tedes que facer é fixarvos con detemento na seguinte táboa.



TAREFAS PARA OS NENOS E NENAS DE 3 ANOS
Lembrades que os vosos compis tiñan unha gran variedade de mascotas nas súas casas? Había cans, tartarugas, gatos, un galo, algapornis, periquitos, un hámster, un coello indio... Se queredes lembrar os vídeos accedede á seguinte ligazón:
http://ospequesdesanluis.blogspot.com/2020/04/en-marcha-o-reto-21-de-abril-de-2020.html

Agora vén a vosa tarefiña. Escollede 2 animais. Os peques farán un debuxo de cada un deles e as familias escribiredes debaixo ou ao seu carón o nome do animal que debuxaron e as características que comentastes con eles oralmente: o número de patas que teñen,  se teñen plumas, pelo ou caparazón, como é o seu tamaño ou onde viven.

Unha vez feito, se queredes, podedes gravar un vídeo onde os nenos/as expliquen esas cousiñas de forma moi breve.



TAREFAS PARA OS NENOS E NENAS DE 4 E 5 ANOS

Coa axuda da vosa familia, comentade as características dos animais dos vosos compañeiros/as e mestras. Para iso tedes que analizar a táboa por partes. A continuación deixámosvos un exemplo.
  • Primeiro escollemos un animal, por exemplo o can.
  • Agora ímonos formular preguntas:
    • Cantas patas ten? 0, 2 ou 4?
    • Ten plumas, pelo ou caparazón?
    • En canto ao tamaño... é grande, mediano ou pequeno? (aquí hai varias opcións pois os cans poden ser de diferentes tamaños).
    • Onde viven? Na terra, no mar ou poden voar. Segundo isto poden ser terrestres (os que viven na terra) e acuáticos (na auga).

Lembrade que hai unha gran variedade: cans, tartarugas, gatos, un galo, algapornis, periquitos, un hámster, un coello indio... así que podedes facer varias análises. As familias podedes preguntar e os peques intentarán responder. Se queredes lembrar os vídeos das vosas mascotas, accedede á seguinte ligazón: http://ospequesdesanluis.blogspot.com/2020/04/en-marcha-o-reto-21-de-abril-de-2020.html


A segunda tarefa de hoxe consiste en facer unha lista clasificando os animais. As familias escribirédeslle as seguintes categorías e os peques, coa vosa axuda, irán clasificando os animais:
  • Os que teñen 4 patas.
  • Os que teñen 2 patas.
  • Os que teñen pelo.
  • Os que teñen plumas.
  • Os que teñen escamas.
  • Os que voan.
  • Os que camiñan pola terra.
  • Os que viven na auga.
  • Os máis pequenos

Moito ánimo!! Seguro que vos resultará doado se estivestes ben atentos/as 😊😉😀 Coma sempre, animádevos a mandarnos vídeos/fotos dos vosos traballiños!!


Despois de tanto traballar, sempre vai ben un pouco de movemento. Aquí vos deixamos a coreografía da canción "Quédate en casa".


A mover o esqueleto familias e peques!! 💁 Se vos apetece compartir connosco un cachiño do voso baile, enviádenos algún vídeo. Estaremos encantadas de vervos 😍😍

Ningún comentario:

Publicar un comentario