xoves, 16 de abril de 2020

RETO XOVES 16 DE ABRIL DE 2020

Bo xoves peques!! Que tal estades?? Hoxe traémosvos dúas propostas de psicomotricidade; unha de psicomotricidade fina e outra para traballar o equilibrio. Ímosvos explicar cada unha delas:

A BANDEXA DE CORTAR
Necesitades:
  • Unha bandexa.
  • Unhas tesoiras adaptadas a vosa idade e dependendo de se sodes zurdos ou destros.
  • Follas de papel, periódico ou revista.
  • Unha bandexa para ir botando os anacos de papel recortados.

 Pasos a seguir:
  • Preparade unha folla con liñas horizontais e verticais a uns 1,5 cm de separación unhas entre as outras.
  • Preparade a bandexa colocando nela todo o material.
  • Agora a recortar!


É importante axudar aos nenos/as a colocar os dedos nos ocos das tesoiras de forma correcta, co polgar cara arriba (sempre mirando cara o queixo) e o índice e o corazón no oco inferior, mirando cara abaixo. Explicarlle que hai que abrir e cerrar as tesoiras para cortar pois teñen moooooita fame e van mastigar para comer todo o papel que lle poñamos diante.

Lembrade que podedes ir aumentando a dificultade da actividade. Comezade por liñas rectas, logo inclinadas, curvas… Aaahh!! E non tiredes os recortes, aproveitádeos para facer algunha manualidade ou practicar a respiración. Para isto último tedes que coller unha palliña e poñela na boca, aspirar o aire á vez que poñedes o outro extremo da palla sobre o papel. Intentade cambialos de sitio. Isto é coma o que fixemos no xogo de pescar, seguro que vos acordades.


CAMIÑAR SOBRE UNHA LIÑA
Como indica o nome da actividade trátase de camiñar sobre unha liña que debuxaremos con cinta adhesiva. Tamén pode ser un lazo ou cordón fino pero tede coidado, non vaiades torcer un pé!!😰
Este xogo é progresivo e, pouco a pouco, podémoslle ir engadindo dificultade. Por exemplo, podemos comezar camiñando pola liña coas mans baleiras e sen saírnos. Despois podemos transportar un libro pequeno coas mans e, máis adiante, probar a levar un vaso de auga sen tirala ou cunha vela que debe manterse acendida (Ollo!! 👀 se usades a vela, andade con moito coidado e facédeo en presenza dun adulto, nunca sós).
Biquiños 😘😘

Ningún comentario:

Publicar un comentario